miércoles, 6 de junio de 2007

ARTIGO 67 DA ORDENANZA DE CONVIVENCIA, RESIDUOS E LIMPEZA VIARIA DE SANTIAGO DE COMPOSTELA

ARTIGO 67.–CONSUMO DE BEBIDAS NA VÍA PÚBLICA.

1. Queda prohibido o consumo de bebidas na vía pública cando poida alterar gravemente a convivencia cidadá. Para estes efectos, prodúcese alteración cando concorran as circunstancias seguintes:

a) Cando pola morfoloxía ou a natureza do lugar público, o consumo poida facerse de forma masiva por grupos de cidadáns/ás ou invite à aglomeración destes.

b) Cando como consecuencia da acción do consumo se poida deteriorar a tranquilidade do contorno ou provocar nel situacións de insalubridade.

A prohibición a que se refire este apartado quedará sen efecto nos supostos en que o consumo de bebidas teña lugar en estabelecementos e outros espazos reservados expresamente para esa finalidade, como terrazas e veladores, e cando dito consumo conte coa oportuna autorización que as autoridades competentes poden outorgar en casos puntuais.

2. Prohíbese nas vías e zonas públicas, a distribución e subministro de bebidas, incluso desde vehículos automóbiles, caravanas, carros barracas ou similares, se realicen a título oneroso ou gratuíto excepto os supostos expresamente autorizados polo Concello.

3. Igualmente prohíbese a distribución e venda de bebidas alcohólicas, independentemente do seu grao alcohólico, destinadas ao consumo fóra do propio establecemento de venda, entre as 22,00 e as 08,00 horas do día seguinte, agás nos supostos de veladores e terrazas de establecementos adicados á restauración ou hostalería, así como en festas, feiras, romarías e festexos populares previa autorización expresa do Concello.

4. Nos supostos referidos nos parágrafos anteriores, os axentes da autoridade poderán retirar e intervir cautelarmente as bebidas, os envases e os demais elementos obxecto das prohibicións, así como os materiais ou os medios empregados. As bebidas alcohólicas e alimentos inservibles poderán ser destruídos inmediatamente por razóns hixiénico sanitarias.

5. Ademais dos supostos nos que así se prevea expresamente nesta Ordenanza, os axentes da autoridade poderán, en todo caso, decomisar os utensilios e xéneros obxecto de infraccións ou que serviron, directa ou indirectamente, para a comisión da mesma, así como o diñeiro, os froitos e os produtos obtidos coa actividade infractora, os cales quedarán baixo custodia municipal mentres sexa necesario para a tramitación do expediente sancionador ou, a falta deste, mentres perduren as circunstancias que provocaron o decomiso.

De tratarse de bens funxibles, destruiranse ou se lles dará o destino adecuado.

Os obxectos decomisados depositaranse a disposición do órgano sancionador competente para a resolución do expediente. Unha vez ditada resolución firme e transcorridos dous meses sen que o titular recuperase o obxecto, procederase a súa destrución ou entregarase gratuitamente a entidades sen ánimo de lucro con fins sociais.

6. Sen prexuízo da responsabilidade civil subsidiaria dos pais ou nais, titores ou titoras, gardadores ou gardadoras polas accións dos menores de idade que dependan deles, aqueles serán tamén responsábeis directos e solidarios das infraccións cometidas por estes, sempre que, pola súa parte, conste dolo, culpa o neglixencia, incluída a simple inobservancia.

7. As bebidas vendidas nun estabelecemento hostaleiro deberán ser consumidas no interior deste, agás nos supostos previstos no parágrafo primeiro deste artigo.

No hay comentarios.: