martes, 17 de marzo de 2009

Acceso limitado ó mundo laboral

O Plan Boloña implantarase definitivamente no próximo ano en todas as carreiras universitarias. Os cambios que se leven a cabo repercutirán no ensino xa que se modificará o plan de estudos, e no alumnado que terá unha formación máis personalizada e se lle esixirá un nivel alto de autosuficiencia.

A crise económica xunto coa chegada do novo plan de estudos preocupa o estudantado xa que tales condicionantes afectan as saídas ó mundo laboral. Neste senso, alumnos universitarios afirman que por mor da crise "non só aumentaron os despidos en todos os sectores senón que diminuíron as contratacións" e coinciden en que coa implantación de Boloña, ó estudantado se lle requerirá unha maior preparación e que a universidade se vai reconvertir nunha "escola de formación de profesionais rendibles para as empresas".

A meirande parte do profesorado universitario está convencido de que Boloña traerá vantaxas para o alumnado porque terá que afrontar novos retos e deberá estar capacitado para valerse por sí mesmo. O proceso boloña require unha reorientación nas carreiras para "axustalas o que demanda o mercado pero sen que as esixencias do mesmo condicionen a oferta comunicativa". Por este motivo, requírese unha reformulación das que xa existen para "unificalas" e a creación de novas ofertas titulativas. Pero tamén hai outros que sinalan que vai afectar negativamente "construíndo estudantado especializado na súa rama do saber" e "persoal non cualificado para afrontar riscos" que xurdan na súa práctica laboral.


Pero os universitarios non son os únicos preocupados pola crise. Tamén o alumnos de ensino superior están precupados polo seu futuro laboral e aseguran que o rematar os seus estudos terán que "seguir formándose" porque cren que están pouco preparados para acceder ó mundo laboral.

No hay comentarios.: